O Concello da Rúa publicou este luns un vídeo nas redes co que pretende promover o consumo de viño de Valdeorras. A campaña, que forma parte do programa #ANosaRúa, recolle a importancia do viño como produto cultural e social, así como o seu impacto na economía da zona.
No informe, de pouco máis de cinco minutos, recóllense os testemuños dos responsables de varias adegas do municipio, que comparten as súas experiencias durante a pandemia do covid-19 e animan tanto aos habitantes de Valdeorras como aos alleos a consumir os seus produtos.
“Esta campaña enmárcase dentro de #ANosaRúa, unha serie de iniciativas que promove o Concello coa finalidade de potenciar e dar valor ao noso. Durante os pasados meses de confinamento, as adegas non puideron vender o seu viño, polo que agora contan con amplo stock”, destacan dende o Concello da Rúa.