O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)– e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC), organiza este venres, 11 de marzo, a Olimpíada Informática Galega 2022 (OIG 2022).
A olimpíada celebrarase de xeito presencial e de maneira simultánea en tres sedes: A Coruña, Ourense e Santiago (Facultade de Informática da UDC, Escola Superior de Enxeñaría en Informática da UVigo e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC). A proba será en horario de tarde, de 17:00 a 20:00 horas.
Inscribíronse un total de 17 estudantes –13 rapaces e 4 rapazas– de Educación Secundaria –ESO–, Bacharelato e Formación Profesional de Grao Medio de toda Galicia, procedentes das cidades da Coruña, Ourense, Santiago e Vigo, e tamén hai participantes de localidades como A Estrada, Culleredo, Noia, O Barco de Valdeorras e O Porriño. Os estudantes proceden de 11 centros da comunidade galega e o IES Martagisela do Barco de Valdeorras estará representado por dous alumnos.
Fase nacional
O certame galego consta de seis problemas que se deberán realizar nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Permítese o uso de C++, Python ou Java. Cada problema describirá un escenario no que se pretende que un programa informático axude dalgunha maneira. Os problemas da olimpíada céntranse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.
Os dous primeiros postos na clasificación da OIG 2022 accederán de xeito directo á fase nacional da XXVI Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará os días 2 e 3 de abril en Madrid. De aí, os gañadores poderán acceder á 34ª Olimpíada Internacional de Informática, que se celebrará do 7 ao 14 de agosto de 2022 en Indonesia.