Num: 6525 | Viernes 18 de septiembre de 2020
El tiempo - Tutiempo.net
El tiempo - Tutiempo.net
Opinión


15 de julio de 2020

AS CEN VILAFRANCAS (1ª entrega)


 

Hoxe no 205 aniversario do nacemento de Enrique Gil en Vilafranca queremos aproveitar esta data sinalada para iniciar unha serie de artigos sobre As cen Vilafrancas que existen, pero están pendentes de coñecer en realidade e de divulgar, pequenas achegas que sirvan para rachar cos tópicos, revisar e difundir aspectos inéditos sobre esta vila e o Bierzo, ampliando a nosa visión, amiga da diversidade, mirando ao pasado, vivindo o presente e pensando no futuro.

 

O OURO BERCIANO, UN MARCO ENTRE LITERARIO E POLÍTICO PARA A PROVINCIA DE VILLAFRANCA DEL VIERZO.

A primeira entrega destas cen Vilafrancas ten como principal obxectivo evidenciar unha relación máis estreita se cabe entre a que denominaremos literatura bercianista de dous escritores do XIX e a reivindicación política da Provincia do Bierzo.  No 2015 celebramos na comarca un ano romántico no bicentenario de Enrique Gil e no 2017 homenaxeamos noutro bicentenario a Antonio Fernández Morales. Gil e Morales son os cantores do Bierzo por antonomasia, un en castelán e o outro en galego. Cuando se aproxima a celebración do bicentenario da Provincia de Vilafranca antóllasenos asociar os tres eventos e realizar, da mao destes dous autores, como un marco literario sinalado que tamén pode ser visto como un prólogo necesario ao ano 2021-22, pois este acontecemento non deixa de ser un produto romántico. Enténdase ben, non queremos dicir que sexa romántico no sentido de ficticio, inalcanzable, nin tan sequera nostálxico. Falamos dun fenómeno histórico e cultural que promoveu a burguesía berciana emerxente do XIX como principal motor no barco de progreso no que viaxaban na súa cuberta, ben visibles, os escritores, é dicir, a vangarda literaria da época que daquela era o Romanticismo como nos advirte un dos maiores estudosos da vida e obra do autor vilafranquino [Picoche 1978].  Entremos no tema cunhas breves citas ben substanciosas da prosa xornalística de Enrique Gil que atopamos na súa singular obra Bosquejo de un viaje a una provincia del interior:

“ Lástima grande por cierto, pues las artes y las ciencias a la par podrían sin duda ensanchar su esfera registrando este país hasta el día olvidado si no ya desconocido. Tal vez la extraña formación de los montes y la disposición poco común de los terrenos harían dar un paso más a la geología en su nueva  y gloriosa carrera. Tal vez la mineralogía ganaría algo en sus relaciones con lo presente y lo pasado, reconociendo el depósito inmenso de metales que encierran estas montañas…”

“… Y ya que la ocasión se brinda tan oportunamente, llamaremos sobre este país la atención de la infinitas gentes que van a buscar en las entrañas de la tierra el aumento de su fortuna y el ventajoso empleo de sus capitales. Sepan ( porque muchos habrá que lo ignoren), que en este país son infinitos los manantiales de aguas minerales, que solo de las arenas auríferas que el Sil arrastra, se alimentan muchísimas personas y que las minas de Las Médulas, de la Chana u la Palomera, abundantísimas en sus respecivos metales, están dentro de un radio de una legua….. Piénselo bien y vengan a cerciorarse por sus ojos de que cuanto llevamos dicho no es más que una parte de lo que hay y tal vez no la mayor. El distrito se lo agradecería muchísimo, pues solo a la sombra de grandes empresas puede remediarse el grave síntoma de prostración que le aqueja, la dispersión y subdivisión infinita de capitales. De esta suerte podrían abrirse los caminos y comunicaciones, de que tanta necesidad tiene un país a quien su misma fertilidad ahoga y empobrece y la provincia entera ocuparía el lugar a que la llama su situación, las propiedades de su suelo y el natural despejo de sus habitantes.”

Estas palabras de Enrique Gil son dúas citas, unha do capítulo I do Bosquejo no que describe o Bierzo que se alcanza a ver desde o alto do Castro Bergidum e a outra pertence á conclusión do capítulo II no que narra unha visita Ás Médulas, na que engadimos unha nota mui relevante para o que desexamos trasladar comentar. A nota en cuestión di:

 

Recientemente se ha formado en el Bierzo una sociedad minera a la cual, sin excepción, todos han prestado su apoyo. La idea no ha podido ser más popular, ¡Ojalá los resultados correspondan a esta idea tan noble como beneficiosa para el país!

 

As tres referencias, como seguro apreciarán, están relacionadas coa mineiría no Bierzo.

Ambos textos e mesmo a nota foron publicados en sendas entregas no mes de febreiro de 1843 en Madrid no xornal El Sol, diario político, religioso, literario e industrial. Estas citas servíronlle no 2015 ao historiador J. Antonio Balboa de Paz de punto de arranque para desenvolver un pequeno, pero interesantísimo traballo de investigación no que desvela que a sociedade mineira que nomea Enrique Gil non é outra que a Sociedad Minera Verciana constituída no ano 1843 en Vilafranca do Bierzo. [Balboa 2015]

 

Gil como di Balboa: Coñece o que se está facendo na provincia, especialmente no Bierzo, en materia de minería, algo do que se congratula, confiando que os proxectos que se emprenden na comarca logren fructificar e sacar ao Bierzo do marasmo económico no que vive tras unha longa posguerra…. Gil y Carrasco é en gran parte o animador de toda a febre que se vai desatar neses anos…co chamamento explícito que fai aos empresarios sobre a riqueza mineral do Bierzo, e a abundante mao de obra barata.

 

Estes retallos da obra xornalística de Gil dirixida abertamente a facer propaganda da súa terra nun diario de gran difusión do momento na capital do Estado, delata unha intención evidentemente política e unha fonda motivación económica, pero tamén cultural coa que toma corpo o que podemos denominar bercianismo literario. Nesta viaxe a unha provincia do interior ecoa ademais no título unha demanda un tanto ambigua e innomeada, pero sentida e certa, a da Provincia que o Bierzo foi, historia que Gil coñecía perfectamente e non deixa de entenderse en certo modo como unha reivindicación directa asumida polo autor ao colocar en primeiro plano a súa querida comarca como constatan os analistas da súa obra. O seu biógrafo Picoche di de Gil que sempre manifesta un trato preferente ao Bierzo cuxa orixe retrotrae a súa primeira saída do Bierzo para estudar en Astorga:  “La estancia en Astorga tuvo que producirle un choque moral. Lejos de la familia y del Bierzo, iba tomando contacto con la dureza de la meseta. De este choque nació seguramente el contraste permanente entre ambas regiones en la obra del escritor”.

Efectivamente a obra do noso afamado escritor precisa desta nova e acertada visión que oportunamente incide sobre o discurso xornalístico de Enrique Gil e a súa posición política.  Por outra parte, este apuntamento consolida a verdadeira e afable relación de Gil con Vilafranca pois,  ata o seu bicentenario, as máis das veces por ignorancia, se viña insistindo en falar da aversión cara a súa vila natal, afirmación malévola, como se demostra e rotundamente falsa, non sempre ausente de malicia e necidade.   Lembremos que nese mesmo ano de 1843 Enrique Gil aparece nun lugar destacado como socio da Sociedad de Teatro de Villafranca entre outras tantas aportaciois á biografía do autor feitas públicas un 15 de xullo no Teatro que hoxe leva o seu nome en plena celebración do seu bicentenario.  Vanse rachando así eses falsos tópicos e restituíndo como máis vilafranquino a este persoeiro nacido nesta vila no ano 1815 e soterrado recentemente nela, tras ser repatriado desde Berlín onde morrera no ano 1846 cuando cumpría unha complexa misión como delegado do goberno ante a corte de Prusia. Xa vai sendo hora de desterrar a mentira interesada tan reiterada dando pé a unha reconciliación coa verdade histórica dos estudos biográficos de Enrique Gil,  escritos de gran interese, por momentos ben detallados  pero que ao noso pesar aínda conservan algunhas lagoas que nos impiden coñecer mellor e na súa integridade a súa vida.

Retornemos ás palabras de Gil, agora a través dos seus versos onde as areas dos ríos bercianos vólvense ouro.

Río de las ondas claras

Y las arenas de oro,

Que en los remansos te paras,

Y de sus sombras amparas

Tu inocencia y tu tesoro….

 

Y tú al pulir el oro del romano,

Que mercenarias manos le labraban

Viste como los ojos del tirano

Con la codicia vil centelleaban

(Do poema EL SIL).

 

A insistencia de Gil nace probablemente dunha tremenda inquedanza daquela burguesía berciana movida pola auri sacra famis, a sagrada fame do ouro, que viña sendo argumento político de peso mesmo nos debates sobre a capitalidade da Provincia del Vierzo nas Cortes dende os anos do Trienio Liberal. De feito o 13 de outubro do ano 1820 (algo que lamentablemente no seu estudo non incluíu Balboa) unha das argumentaciois que se conservan dos debates habidos sobre a Provincia e Vilafranca, fai mención dunha petición da Sociedade Patriótica de Vilafranca na que se enumera o apoio de varios consistorios galegos á provincia berciana e engade un argumento chocante: “…Sería muy posible hallar un manantial de riqueza por los indicios que se habían descubierto recientemente en grande abundancia de granos de oro: y pedían que lo tuviesen en consideración las cortes en la división formal del territorio español.”[Burgueño 1995]

Logo o ouro ao que alude Gil é algo máis que unha brillante metáfora literaria, confírmase unha vez máis a súa correspondencia coa realidade.  E do ouro berciano de Enrique, pasamos con certo efecto metonímico a un tesouro,  obxecto da cobiza de Galicia e de Castela, ante a que o segundo autor, Antonio Fernández  Morales, parece invitar a rebelarnos para poder así facernos donos dese tesouro.

O bicentenario de Morales, celebrado dous anos despois do de Gil, contribuíu a asentar outro baluarte cultural máis da comarca ao darse a coñecer con maior detalle a xénese da súa obra Ensayos poéticos en dialecto berciano. Antonio naceu en Astorga, pero sentirá como o seu país ao Bierzo dende a súa infancia que pasou en Cacabelos. Así o recoñece nas cartas autógrafas que del rescatamos no 2017. Pois ben, pouco despois da morte de Gil en Berlín, Morales comeza a escribir en galego, precisamente na etapa na que a súa familia reside en Vilafranca como certificamos tamén grazas a súa correspondencia na que, por certo, outorga a esta vila a capitalidade. Entre as composiciois escritas, estimulado polo filólogo catalán Mariano Cubí, dedicará unha longa e fermosa a Villafranca, como é ben sabido,  pois sen lugar a dúbidas,  a este poema pertencen os versos máis citados do poeta:

Cual tesoro que a codicia

de dous avaros escolta

con xusticia, ou sin xusticia,

tira por ela Galicia,

mais Castilla non a solta .

(Do poema VILLAFRANCA E A VENDIMA).

 

Non é casual que sexan estes os seus versos máis coñecidos. Trátase de converter a Vilafranca no tesouro que representa ou simboliza ao Bierzo enteiro. É tesouro en gran parte grazas á natureza que a rodea, equiparable ao paraíso de Ponferrada, ao xardín de Cacabelos, pero pasa a ser referente e síntese indiscutible do Bierzo, primeiro polo acontecer  da historia xa que, como da comarca enteira, “tira por ela Galicia, mais Castilla non a solta”, con xustiza ou sen xustiza, ademais de ser obxecto da cobiza dos avaros que a desexan e escoltan. A vila (e a comarca enteira) presentase presa dunha entidade territorial maior e precisa liberarse facéndose dona dos seus bens e dos seus arbitrios. Pero esta tensión ideolóxica súbita colocada na cabeceira do poema e totalmente intencionada, vaise ir diluíndo a medida que o lector avanza na lectura da composición e vai comprobando como o poeta, sen decantarse inicialmente cara a ningún dos dous lados, adéntrase na vila da mao dos innumerables produtos e lugares da contorna que acoden á feira, enchéndose logo coa riqueza léxica da fala da xente do común que os nomea e, á vez, os achega a Galicia, mais non ofrece argumentos que se opoñan para apoiar así a posición contraria, a da pertenza a Castela. Morales coloca despois con total naturalidade unhas cuadrillas de galegos e galeguiñas na vila como elemento tradicional, un máis, ligado a un costume tan berciano como é a vendima. Nestes versos esquécese tamén, claro está, de León, se cadra porque a historia colocou a esta vila distinta e distante de León ou porque León non se distingue tanto de Castela.  De todos os xeitos insiste e reivindica con contundencia unha singularidade fronte a Galicia, a pesar das semellanzas, da proximidade e o patrimonio en común que compartimos. Este poema é pois un poema clave para achegarnos á posición ideolóxica de Antonio, comprobar a transcendencia desta confluencia entre paisaxe, costumes e lingua á hora de determinar e definir a identidade do país (palabra que adoitan usar estes autores en lugar de comarca). Serán deste modo a natureza, as tradiciois e a fala do país un tesouro tan valioso como o ouro e servirán de complemento inseparable aos mesmos produtos que a terra berciana ofrece, substantivándose así as súas potenciais peculiaridades que se exaltan grazas tamén á literatura.

 

Falamos do século XIX, do bercianismo literario e a reivindicación provincial dun momento no que a configuración territorial que hoxe se nos presenta como inamovible estaba en plena discusión e claramente aberta. Daquela, no Trienio liberal (1820-1823), tras do valioso, pero frustrado precedente do proceso de debate e creación da Constitución do ano 1812, lográrase unha Provincia coa capitalidade en Vilafranca.  Gil coñeceu e sufriu en primeira persoa, no seo da súa propia familia, a transcendencia da abolición da Deputación Provincial vilafranquina que fora aprobada o 15 de outubro de 1821, que axilizou a súa marcha da súa vila natal para Ponferrada arredor do ano 24, feito que posiblemente provocou a primeira perda significativa na vida do poeta, a da súa infancia feliz na vila do Burbia.  Outramente Morales escuitara falar de Carlos de Villapadierna, o xefe político da Provincia e notable membro da sociedade secreta dos Comuneros, á que pertencía tamén o boticario Tomás Fernández Garrido, o seu pai. Antonio e Enrique,  cada quen no seu propio periplo vital diferenciado, conviviron con varios entusiastas promotores da Provincia e da capitalidade vilafranquina como foron, por exemplo, para o caso de Morales, Santiago Capdevila, comerciante catalán asentado en Vilafranca que chegará a ser alcalde e unha voz que reclame a Provincia a mediados do século. No caso de Gil, Román Ovejero, alcalde palentino e deputado colaborador coa causa berciana nas Cortes que sospeitamos tivera unha fonda relación con el e co seu íntimo amigo, Joaquín del Pino, desde os seus anos de estudantes de Leyes,  amizade que logo seguen mantendo no Madrid da década dos 40, colaborando abertamente coa causa da capitalidade para Vilafranca. Lembremos que esa proximidade faise evidente entre outros momentos significativos da vida de Enrique, por exemplo, nos que comparten ante o leito de morte de José Espronceda nunha situación política intensa e convulsa no ano 1842 [Cascales 1914]

Como xa puxemos de manifesto anteriormente tanto a Sociedad Minera Verciana, como a Sociedad de Teatro de Villafranca aglutinan con intenciois distintas, unha económica e outra cultural, a unha lista de socios, en parte coincidentes, que adquiren unha relevancia non pequena no intento de restaurar a Provincia perdida. Non é casualidade que estean nela Gil e Morales, non é anecdótico que ambos plasmen dalgún xeito na súa obra esa aposta polo Bierzo.  Xa había precedentes nos anos do Trienio Liberal,  o controvertido xornalista Juan López de Cancelada fixera un alegato a favor da Provincia de Vilafranca na prensa madrileña, no xornal El Universal, como nos lembra o historiador Miguel J. García González no seu artigo Juntas y comisiones del Bierzo en Madrid. Los intentos de crear “lobbies” bercianos ademais de subliñar nel un período de actividade reivindicativa dos bercianos na capital do Estado que se produce anos despois á calor da reorganización provincial promovida por Fermín Caballero, a partir de 1840.

Como dixemos máis arriba,  quixemos nesta entrega facernos eco dalgunhas das conclusiois interesantes que sacamos dos bicentenarios de Gil e de Morales,  porque ambos comparten un claro cooprotagonismo para este novo bicentenario que se achega. Rematamos volvendo á literatura e lembrando que o vilafranquino Enrique Gil é unha fonte principal e inicial do costumismo dos Ensayos poéticos de Antonio Fernández Morales. A pegada do poeta romántico vese claramente viva nos poemas máis líricos e o paisaxismo de Morales, pero aí non queda todo.  A exaltación romántica da terra e o vinculo co espírito do pobo están intimamente vencellados ao costumismo. Morales é quen de construír un edificio completo e novidoso pero que se asenta, en parte, naquela serie de artigos costumistas parellos ao Bosquejo de un viaje a unha provincia del interior elaborados cunha sutil finalidade social por Gil.  É dicir, responde a unha mesma sensibilidade ideolóxica e política se se quere, moi acorde coa reivindicación da Provincia para o Bierzo que está, como vemos no centro do debate do seu tempo, polo que non se nos ocorre denominar doutro xeito máis apropiado que co termo bercianismo a este trazo do estilo común aos dous autores. Unha causa política feita literatura que os une e que lles vai outorgar, a Gil e a Morales, sen discusión posible, o título de cantores do Bierzo.

Héctor. M. Silveiro Fernández.

REFERENCIAS  BIBLIOGRÁFICAS

– BALBOA DE PAZ, José Antonio, (2015) Gil y Carrasco y la minería del Bierzo; Bierzo nº 33 (2015) Editada pola Basílica de la Encina, Ponferrada 2015.páx. 87-109.

– BURGUEÑO RIVERO, Jesús. (1995) La génesis de la división territorial contemporánea en la España atlántica (Galicia, Asturias, Cantabria y El Bierzo), en la Revista Ería nº 36 (1995) páx. 5-33.

– CASCALES MUÑOZ, José. (1914) Don José de Espronceda, su época, su vida y sus obras, Biblioteca Hispania, Madrid 1914.

– FERNÁNDEZ MORALES, Antonio, Ensayos poéticos en dialecto berciano, edición facsimilar (2003) con prólogo de Mariano Cubí i Soler, y estudios de J. A. Balboa de Paz, Anxo Angueira, Rosario Álvarez, edición del Instituto de Estudios Bercianos 2003.

– GARCÍA GONZÁLEZ, Miguel J.(2017) Juntas y comisiones del Bierzo en Madrid. Los intentos de crear “lobbies” bercianos. Revista Bierzo nº 35 (2017) páx. 112-132

– GIL Y CARRASCO, Enrique.(2015) Obras Completas. BIBLIOTECA GIL Y CARRASCO. I, Poesía. II, El Lago de Carucedo. III, Viaje a una provincia del interior. IV, Crítica teatral. V, Miscelánea. VI, Viajes y costumbres. VII, El Señor de Bembibre. VIII, Último Viaje: Diario Madrid-París-Berlín. Edición, introdución e notas de Valentín Carrera. A Coruña. Paradiso Gutenberg (2015).

– PICOCHE J. L. (1978) Un romántico español: Enrique Gil y Carrasco1815-1846. Col. Biblioteca románica hispánica, estudios y ensayos, 275. Ed. Gredos. Madrid 1978.

– SILVEIRO ARES  Héctor J. e  SILVEIRO FERNÁNDEZ Héctor M. (2015) El amigo villafranquino de Enrique Gil: Joaquín del Pino,  en  Enrique Gil y Carrasco y el Romanticismo. Actas del Congreso Internacional,  El Bierzo, 14-18 de julio de 2015 páx.435-471

– SILVEIRO FERNÁNDEZ, H. M. (2015) O teatro romántico da capital histórica do Bierzo e os seus socios fundadores Enrique Gil e Fernández Morales, en Estudios Bercianos, 39 (2015) Bicentenario Gil y Carrasco, 213-240. Editada polo Instituto de Estudios Bercianos. Ponferrada 2015.

-(2017 a)  As cartas autógrafas de Antonio Fernández Morales, un autor berciano no rexurdimento do galego”. Revista Bierzo nº 35 Ponferrada (2017)Páx. 81-107.

– (2017 b) Tradiciois, terra e identidade na obra de Morales: no Boletín da Real Academia Galega (378).. A Coruña (2017) Páx. 501-549

 

 

NOTICIA 09
NOTICIA 02
NOTICIA 10
NOTICIA 04
NOTICIA 08
NOTICIA 06
NOTICIA 03
ROBA PAGINAS MONEY
NOTICIA 11

EMPLEO
ofertas empleo ponferrada
PROGRAMACION TV
Programación TV
NOTICIA 01


NOTICIA 07
NOTICIA 05
la encuesta

¿Está de acuerdo con el cierre de establecimientos de ocio a las 2 de la mañana?

Cargando ... Cargando ...
ADSENSE CUADRADO NOTICIA
© 2020 Grupo Noroeste En Red. Todos los derechos reservados.