Num: 7387 | Sábado 28 de enero de 2023
El tiempo - Tutiempo.net
El tiempo - Tutiempo.net

As covas de Valdeorras, exemplo de sostenibilidade e eficiencia enerxética

A posta en valor do patrimonio etnográfico espallado pola comarca centrou parte dos relatorios do Foro do Camiño de Inverno en A Rúa

Covas de Valdeorras
Covas de Valdeorras. / Enoturismo Galicia

Valdeorras conta con máis de 1.000 covas espalladas por toda a comarca. Trátase de adegas subterráneas concibidas para a conservación do viño que, na actualidade, conforman parte do patrimonio etnográfico e vitivinícola da zona constituíndo, ademais, un exemplo de sostibilidade e de eficiencia enerxética.

Así o puxo en valor este sábado a arquitecta técnico Carina Rodríguez, no marco da súa intervención no I Foro do Camiño de Inverno por Valdeorras, promovido pola Ruta do Viño. A sesión de traballo realizouse no Centro Cultural Avenida da Rúa e contou cun panel de expertos que centraron os seus relatorios en resaltar o potencial turístico da comarca ligándoo ao Camiño de Inverno, así coma aos seus viños, tradición e Historia.

Vasto patrimonio

Carina Rodríguez, unha das estudosas máis importantes das covas de Valdeorras, cualificou de “vasto patrimonio” o conxunto etnográfico que compoñen estas construcións na comarca. Ao seu xuizo, queda por diante “un camiño moi interesante por percorrer para dar a coñecer e promover este activo arquitectónico, único en Galicia”. Neste sentido, considera que deseñar unha proposta turística que teña en conta viño e arquitectura sería bo para “atraer turismo de calidade cara a comarca”.

A experta sinalou que o valor diferencial das covas de Valdeorras respecto das existentes noutros territorios de España que albergan construcións similares radica en que existe diferente tipoloxía segundo se asenten nun chan de arxila, nun chan granítico ou nun chan de lousa. É dicir, as covas difiren en función da xeoloxía do terreo.

Viños e Camiños

Ademais de Carina Rodríguez, participou neste segundo seminario-taller do I Foro do Camiño de Inverno por Valdeorras, o editor da publicación Viños e Camiños, Antón Alonso. Na súa intervención, puxo de manifesto que “o Camiño de Inverno é xa un activo turístico” para a comarca. “Pero serao moito máis se o unimos á Ruta do Viño, á paisaxe da contorna, ao patrimonio natural arquitectónico e singular da zona (como, por exemplo, o conformado polas covas), así como á Historia e tamén ao eido da pizarra”.

Ao seu xuízo, o “importante é crear unha marca forte que identifique Valdeorras co fío condutor do viño e do Camiño”.

Ao tempo, o editor de Viños e Camiños deu a coñecer aos asistentes a finalidade desta publicación. Trátase, segundo dixo, dunha publicación de turismo nun amplo sentido que fai referencia a diferentes eidos relacionados con este ámbito. Diríxese a un público global e difunde as súas novas en castelán e, ás veces tamén, en galego e portugués. “O proxecto arrincou en 2017 cun excelente equipo de colaboradores que nos permitiu posicionarnos moi ben”, sinalou.

Ademais de Rodríguez e Alonso, participou na xornada o catedrático Rubén Camilo Lois, que abordou O camiño como experiencia turística transversal. Posteriormente, celebrouse unha mesa redonda especificamente centrada nas covas de Valdeorras que incluíu expertos como o arqueólogo Santiago Ferrer, o xerente da cova da Xabreira, Simón Val, a xestora turística Laura Mondelo ou o membro da xunta directiva de Hispania Nostra, Juan Ayres.

Acto inaugural

Previamente, durante o acto inaugural da xornada, o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, destacou que o obxectivo do Foro é contribuír a posicionar a comarca de Valdeorras como destino enoturístico promocionando os diferentes activos que posúe a zona, entre eles, por suposto, “as nosas covas”.

Xunto a Joaquín Sánchez participaron no acto inaugural, a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno a Santiago por Valdeorras, Asunción Arias e o presidente do Consello Regulador da DO Valdeorras, José Luis García Pando. Este último fixo un chamamento a todos os axentes institucionais, económicos e sociais da comarca para traballar en común de cara a potenciar turisticamente a zona.

© 2023 Actualidad Digital Ibérica. Todos los derechos reservados.