Num: 6893 | Martes 21 de septiembre de 2021
El tiempo - Tutiempo.net
El tiempo - Tutiempo.net

Feijóo reedita o compromiso co retorno dos galegos

Salienta que os mozos beneficiarios das Bolsas de Excelencia para estudos de másters contarán cun 30% máis de prazas


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso da Administración autonómica co retorno dos galegos do exterior e salientou que os mozos beneficiarios das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (Beme) contarán, no vindeiro curso, cun 30% máis de prazas, pasando de 150 a 200.

Durante o encontro cos beneficiarios destas bolsas, Feijóo destacou así un incremento do orzamento que pasa de 1,3 millóns de euros ao algo máis de 1,7 millóns, de xeito que nesta nova convocatoria -a quinta- cada mozo contará cunha achega de entre 7.000 e 11.475 euros; ademais dunha oferta de 90 másters nas tres universidades galegas, aliñados coas necesidades do tecido produtivo galego e nove máis que na edición anterior.

Desde a posta en marcha deste programa, incluíndo esta nova convocatoria, o titular do Goberno galego recordou que xa son 700 os mozos que decidiron sumarse a esta oportunidade, fortalecendo os lazos coa Comunidade a través da formación.

“Contamos con vós para seguir facendo unha Galicia nova, dinámica e familiar”, abundou, afirmando que a Xunta seguirá ampliando as pontes para o retorno dos galegos do exterior, “vivan onde vivan”. “Todos os departamentos do Goberno galego teñen como obxectivo estratéxico procurar o retorno dentro das súas competencias”, abundou, resaltando a posta en marcha, en 2018, da Estratexia Retorna, dotada con 235 millóns e con distintos proxectos educativos, laborais e industriais.

“E, en plena pandemia, duplicamos as axudas ao retorno emprendedor; e puxemos en marcha a Oficina de Atención ao Retorno para facilitar o regreso”, precisou, subliñando que o programa Beme posibilitou que 150 currículos excelentes estudasen este curso un máster nalgunha das universidades galegas.

Nesta mesma liña, destacou o reforzo da política de emigración da Xunta durante a Covid-19: mantendo un contacto estreito con todos os centros e asociacións; impulsando as axudas directas aos galegos do exterior “que peor o estaban a pasar”; e cun incremento do apoio ás entidades galegas do exterior, con especial atención aos centros que atenden aos maiores.
O presidente da Xunta concluíu recordando que o pasado ano preto de 4.000 galegos do exterior retornaron a Galicia en plena pandemia; case tres de cada catro menores de 45 anos.

© 2021 Actualidad Digital Ibérica. Todos los derechos reservados.