Num: 6738 | Lunes 19 de abril de 2021
El tiempo - Tutiempo.net
El tiempo - Tutiempo.net

Máis de 20,6 millóns de euros para a reactivación da provincia de Ourense

O pleno da Deputación de Ourense aprobou unha modificación de crédito que permite destinar fondos á cooperación cos concellos

Videoconferencia da sesión ordinaria do Pleno da Deputación de Ourense correspondente ó mes de marzo de 2021.

O pleno ordinario da Deputación de Ourense, correspondente ao mes de marzo, celebrado por vía telemática, aprobou  destinar á provincia máis de 20 millóns de euros (20.676.885 €), unha inxección económica que terá nos concellos os principais destinatarios para a reactivación económica na etapa poscovid. A xestión económica da institución no pasado exercicio de 2020 –cun remanente de tesourería de 44 millóns de euros- permite levar a cabo este investimento que terá como protagonistas aos gobernos locais da provincia de Ourense, con importantes achegas nos ámbitos da cooperación cos concellos, acción social, deportes, desenvolvemento empresarial e comercial e cultura.

No expediente de modificación de créditos, a maior cantidade vai destinada á cooperación cos municipios: ao redor de 8,5 millóns de euros que teñen como beneficiarios a 76 concellos, máis a entidade local menor de Berán, para desenvolver proxectos en infraestruturas viarias, deportivas ou culturais, áreas empresariais, emprego no rural, servizos a dependentes e maiores, eficiencia enerxética, ou iniciativas na prevención de incendios forestais, entre outros. Neste ámbito de cooperación tamén se destinan outros 300.000 euros para seis mancomunidades de municipios.

O apartado de colaboración institucional é outro dos puntos fortes desta modificación de créditos, en particular coa Xunta de Galicia. Así, a Deputación de Ourense achegará 1,5 millóns de euros para o Centro Galego de Innovación da FP; 790.000 euros -o 1 % do orzamento total da Deputación-, para o fondo conxunto de apoio á hostalería; 150.000 euros para o bono turístico; 450.000 euros no marco do convenio asinado coa consellería de Medio Rural para a adquisición de maquinaria destinada á prevención e loita contra os incendios forestais; e outros 53.000 euros para os plans de emerxencia por seca.

O documento económico aprobado hoxe inclúe achegas de 133.000 euros para fomento do deporte; 478.000 euros para acción social; máis de 680.000 euros para cultura; 750.000 euros para desenvolvemento empresarial e promoción comercial; 53.000 euros para o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, ou 169.000 para termalismo.

Por outra banda, a corporación provincial tamén deu o visto bo a unha addenda do convenio coa Xunta de Galicia en materia de emerxencias e prevención de incendios, cunha achega de 224.000 euros que implica a creación de dous novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) na provincia: A Veiga e Maceda, pechando así o mapa provincial de emerxencias cun total de 8 grupos e o servizo supramunicipal de Terras de Celanova. A Deputación de Ourense contribuirá ao financiamento dos GES con 1.062.666 euros.

Tamén aprobou o pleno: unha ampliación do prazo de inscrición nos programas de cooperación cos concellos para a limpeza das marxes viarias, mocidade e empregabilidade; a adhesión da Deputación á Asociación Urbs Regia e ao seu proxecto de Itinerario Cultural Europeo “Orígenes de Europa”; instar ao Goberno central a axilizar as obras de reparación e reapertura do túnel do Folgoso da autovía A-52, e unha moción relativa á loita contra as especies invasoras no territorio ourensán.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

 

Modificación das bases de execución dos orzamentos do Inorde de 2021

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a modificación das bases de execución dos orzamentos do INORDE n.º 1/2021, para modificación da base quinta das de execución do orzamento, no relativo á finalidade de subvención nominativa, conforme co cadro seguinte:

grafico 8

 

Modificación de créditos do orzamento 2021 nº 3/2021

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a modificación de créditos n.º 3/2021 do expediente e das bases de execución do orzamento, co seguinte detalle:

Gastos de investimentos. Suplementos de crédito

grafico 1

Gastos de investimentos. Créditos extraordinarios

grafico 2

Gastos correntes. Suplementos de crédito

grafico 3

grafico 4

Gastos correntes. Crédito extraordinario

grafico 5

Resumo

grafico 6

Recursos utilizados

grafico 7

2º.- Nas bases de execución do orzamento da Deputación Provincial de Ourense procede concretar o capítulo IV e VII de gastos que se ven modificados neste expediente, polo que se procede á especificación das aplicacións para as que se habilita crédito nesta modificación orzamentaria.

(Nota: nos ditames do pleno figura a especificación das aplicacións para as que se habilita crédito e que se recollen nestas táboas.)

3º.- Aprobar a modificación, no que se refire á especificación dos capítulos IV e VII de gastos, consistente en cinco variacións que non afectan cuantitativamente ao orzamento xeral do exercicio 2021. Estas modificacións refírense ás solicitudes presentadas polos concellos de Vilamarín, Beariz, A Teixeira, Rairiz de Veiga e San Xoán de Río para cambiar a finalidade ou beneficiarios das subvencións concedidas nos ámbitos de cooperación cos concellos e actividades culturais.

 

Addenda ao convenio de colaboración dos GES

Acordo:

Aprobación da addenda ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as deputacións provinciais, en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios, para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES). A addenda ao convenio supón, polo que respecta a Ourense, a creación de dous novos GES: Maceda e A Veiga, pechando así o mapa provincial de emerxencias cun total de 8 grupos e o servizo supramunicipal de Terras de Celanova. A Deputación de Ourense contribuirá ao financiamento dos GES con 1.062.666 euros, ademais doutros 62.000 euros para o citado servizo.

 

Prórroga de adhesión aos plans de limpeza viaria, mocidade e empregabilidade

Acordo:

O pleno deu o visto bo a un novo prazo de 10 días hábiles para a presentación de solicitudes de adhesión ao programa de limpeza das marxes viarias municipais e provinciais, o programa de mocidade e o de empregabilidade, correspondentes a este ano. O prazo comezará a contarse desde o día seguinte ao da publicación do anuncio dos presentes acordos no BOP.

 

Participación na asociación “Urbs Regia”

Acordo:

Primeiro.- Manifestar a conformidade cos fins e obxectivos da Asociación Urbs Regia e o seu proxecto de Itinerario Cultural Europeo “Orígenes de Europa”.

Segundo.- Autorizar a participación da Deputación de Ourense na Asociación Urbs Regia, que xestiona o proxecto de Itinerario Cultural Europeo “Orígenes de Europa”.

Terceiro.- Solicitar á Asociación Urbs Regia a incorporación da Deputación de Ourense como socio de pleno, aceptando tanto os dereitos como as obrigas que a asociación posúe para todas as súas entidades asociadas.

Cuarto.- Facultar á Presidencia ou deputado/a en quen delegue, para representar e actuar en nome da Deputación de Ourense nas actividades e órganos de decisión da Asociación Urbs Regia, así como para realizar cantos actos e trámites fosen necesarios para a efectividade da participación da Deputación de Ourense na citada asociación.

Quinto.- Aboar a cota de socio correspondente.

 

Apertura do túnel do Folgoso da autovía A-52 (sentido Ourense)

Acordo:

1º. Instar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a adoptar cantas medidas e recursos sexan necesarios para axilizar as obras de reparación do túnel do Folgoso da autovía A-52, sentido Ourense, facilitando así o máis inmediato restablecemento do tráfico para paliar o impacto económico e social que o peche deste paso está a provocar no sur de Galicia.

2º. Solicitar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana unha detallada explicación dos procedementos e prazos que manexa este departamento para o remate das obras de reparación do túnel.

3º. Instar ao Goberno central á mellora integral das estradas N-120 e N-559, con especial atención á seguridade viaria nos treitos que corresponden aos concellos do Covelo e A Cañiza.

 

Loita contra as especies invasoras

Acordo:

Axuda económica aos concellos destinada a:

1.- Análise da presenza de especies invasoras no seu territorio.

2.- Campaña de sensibilización pública (que podería ser asumida por cada concello, adaptándose ás súas circunstancias concretas, ou coordinada pola mesma Deputación para casos xerais) para minimizar os efectos que a xardinería, a afección a mascotas, á acuarioloxía, etc. puidese ter en relación ao problema.

3.- Asesoramento técnico sobre posibles medidas de erradicación en cada caso concreto.

4.- Medios (mecánicos, biolóxicos, químicos…) para a erradicación de especies invasoras en espazos públicos.

5.- Subvencións destinadas á erradicación en parcelas privadas por medios axeitados.

6.- Medidas de análise de riscos e de detección precoz de posibles especies que poidan supoñer un problema futuro.

7.- Cambio no xeito de traballo de calquera labor pública de creación ou mantemento de infraestruturas que poidan favorecer a expansión desas especies.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

© 2021 Actualidad Digital Ibérica. Todos los derechos reservados.