O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras celebrou este luns un pleno extraordinario urxente no que se nomeou a Marcos Prada Ginzo como novo presidente da entidade. A elección, aprobada por maioría sen ningún voto en contra, produciuse tras a aceptación da dimisión de José Ramón Rodríguez Castellanos.
Marcos Prada, que xa exerceu como vicepresidente primeiro durante o mandato de José Luis García Pando, comprométese a dar continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos no organismo, que supervisa unha das denominacións de orixe máis destacadas do sector vitivinícola galego.
Un percorrido profesional destacado
Nado en Suiza en 1979, Marcos Prada viviu 18 anos no país helvético antes de regresar a Galicia. É Licenciado en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Santiago de Compostela e conta cun MBA en Administración e Xestión de Empresas. Ademais, é experto en Marketing Dixital e Ecommerce no sector vitivinícola, formación que completou na Galicia Business School.
Prada domina o alemán, francés e inglés, e durante 12 anos traballou no Departamento de Exportación de empresas dedicadas á produción e comercialización de pizarra. Desde 2010, exerce como xerente e copropietario de Adega Melillas e Fillos, situada na Rúa, ampliando a súa formación con estudos superiores en Dirección de Empresas Vitivinícolas.
Con esta bagaxe, Marcos Prada afronta esta nova etapa á fronte do Consello Regulador con ilusión e o compromiso de seguir impulsando a DO Valdeorras no panorama vitivinícola galego e internacional.