O Barco liberará 400 libros para o Día das Letras Galegas

A Concellaría de Cultura do Concello do Barco preparou un amplo programa de actividades do 15 ao 20 de maio
Cartel Letras Galegas 2023 O Barco

A Concellaría de Cultura do Concello do Barco preparou un amplo programa de actividades con motivo do Día das Letras Galegas, con un concurso de podcast, a liberación de 400 libros en comercios e locais de hostalería do Barco, concerto da Escola de Música, coloquios, cine, obradoiros e espectáculo musical para os nenos, e o tradicional maratón de lectura do Día das Letras Galegas na Praza do Concello.

O concurso de podcast, presentado baixo o título de Don Paco en Liña, organizouse cos centros escolares da localidade, buscando a creación dun espazo para que os escolares se acheguen ao estudo do protagonista do Día das Letras Galegas deste ano, a través dun código actual como é o podcast.

As actividades comezan o luns, 15 de maio, ás 20.00 horas no Salón Multiusos do Concello, onde de celebrará o coloquio titulado Os homes das letras, Francisco Fernández del Riego e Florencio Delgado Gurriarán. Participarán Ramón Nicolás, catedrático en Lingua e literatura galega e profesor de secundaria, que  abrirá o coloquio coa palestra Del Riego: un exemplo de entrega ao seu país; e Ricardo Gurriarán, catedrático pola Universidade de Santiago de Compostela e historiador, que seguirá coa palestra Florencio, don Paco e Galaxia: A distancia non foi esquecemento.

Durante os días 16 e 17 de maio terá lugar unha liberación de libros, coa que se reglarán 400 libros divulgativos sobre os autores das letras e outros escritos por autores da comarca ou sobre a comarca de Valdeorras. Esta liberación farase en colaboración co Centro Comercial Aberto e realizarase entre os clientes dos establecementos comerciais do Barco que se inscriban na proposta e na praza do mercado de abastos. O día 16 farase a liberación nos comercios, e o día 17 nos locais de hostalería.

O martes, 16 de maio, ás 20.00 horas no Teatro Lauro Olmo celébrase o Concerto das Letras Galegas, que ofrecerán alumnos del Conservatorio e a Escola de Música.  O mércores 17 celébrase o tradicional Maratón de Lectura, en colaboración coa Asociación Vagalume, na praza do Concello. Será desde as 11.30 horas. Ese mesmo día, as 18.00 horas no Teatro Lauro Olmo, terá lugar o contacontos O loitador da Galaxia, basado na vida e obra de Francisco Fernández del Riego, da man de Raquel Queizás. As 20.30 horas ofrecerase a proxeción da película Matria.

O xoves, 18 de maio, ás 10.30 horas celebrase a gala do Concurso do Podcast Don Paco en Liña, presentado por Cristina de la Torre, coa escoita dos traballos presentados ao concurso e coñeceranse os gañadores dos premios, e ás 20.30 horas estrease o filme Florencio na Terra.

O venres 19 de maio, no Teatro Lauro Olmo, os nenos poden disfrutar do espectáculo infantil Consertasso na horta, da man do artista Brais das Hortas.

Por último, o sábado 20 ás 11.00 horas na Ludoteca, terá lugar un obradoiro de xoguetes populares. Trátase dunha actividade de balde, pero precísase inscrición previa, que estará aberta ata o día 16 de maio na Biblioteca. O obradoiro está deseñado para o traballo en familia he pensado para que os pequenos aprendan como crear un xoguete de deseño propio, a mais de realizar xogos ao aire libre, se o tempo o permite, nos que se fomentará a convivencia e o respecto.