Ponentes vinculados ao eido turístico, enolóxico e académico participan no Foro do Camiño de Inverno

A inscrición ás xornadas, que non ten custo algún, pode efectuarse a través da web da Ruta do Viño de Valdeorras
Paisaxe de Valdeorras
Paisaxe de Valdeorras. / VD

Un nutrido grupo de ponentes de prestixio vinculados, principalmente, aos eidos turístico, gastronómico ou enolóxico e tamén outros procedentes do mundo académico ou xornalístico participarán en outubro no I Foro do Camiño de Inverno por Valdeorras, promovido pola Ruta do Viño nos concellos do Barco e da Rúa.

O seminario-taller do Barco, que terá lugar o 8 de outubro na Casa do Río Cigüeño, levará por título Enoturismo no Camiño de Inverno por Valdeorras. Nel participarán Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, que abordará O enoturismo transformador do rural. Tamén tomará parte nesta primeira xornada do foro Isabel V. García Vázquez, responsable técnica de Turismo de Almendralejo (Estremadura) para falar sobre as Oportunidades do enoturismo: a ruta do viño e o cava Ribera do Guadiana.

Ademais, Manuel Gago, doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago, centrará a súa intervención no Patrimonio enolóxico e turismo gastronómico: unha cultura única.

Tras os relatorios, celebrarase unha mesa redonda sobre o Enoturismo no Camiño do Inverno composta por Olga Verde, presidenta da Ruta do Viño do Bierzo; Jorge Mazaira, director técnico da DO Valdeorras; Jorge Melo, técnico especializado en enoturismo e aplicación das TIC e Rafael Pardevalles, xerente e dono da adega Pardevalle e promotor da recuperación da variedade de uva prieto picudo.

Xornada na Rúa

Á semana seguinte, o 15 de outubro, será o Centro Cultural Avenida da Rúa o que acolla a celebración da segunda das xornadas que compoñen o foro, baio o título Tradición e historia no Camiño de Inverno por Valdeorras.

Abrirase a sesión de ponencias cunha charla a cargo de Antón Alonso, editor da revista Vinos y Caminos. A continuación, Rubén Camilo Lois, catedrático universitario, falará sobre O camiño como experiencia turística transversal. Posteriormente, Carina Rodríguez, arquitecta técnico, abordará o Patrimonio etnográfico no Camiño de Inverno e, finalmente, o presidente da Ruta dos Viños de Valdeorras presentará un vídeo sobre as covas, adegas soterradas espalladas por toda a xeografía desta comarca ourensá.

Precisamente, as covas de Valdeorras centrarán a mesa redonda da xornada na que participarán o arqueólogo Santiago Ferrer; o xerente da Cova da Xabreira, Simón Val; a xestora turística, Laura Mondelo e o membro da Xunta Directiva de Hispania Nostra, Juan Ayres Janeiro.

Respaldo da Xunta de Galicia, dos concellos e do Consello Regulador

Este I Foro do Camiño de Inverno por Valdeorras conta co respaldo da Xunta de Galicia, a través do Xacobeo 2021-2022, dos concellos do Barco e da Rúa e do Consello Regulador da DO Valdeorras. O seu obxectivo é divulgar o potencial do Camiño de Inverno, unha das rutas xacobeas máis descoñecidas polo gran público, ao seu paso por Valdeorras, ao tempo que promove os valores diferenciais e turísticos do territorio amparado: principalmente os seus viños.

O prazo de inscrición para as xornadas permanece aberto e os que queiran anotarse poden facelo, gratuitamente, a través da web da Ruta do Viño de Valdeorras.