O Clúster da Pizarra de Galicia entregou este martes os galardóns do II Premio de Construción Sostible con Pizarra na sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO). Dous dos premios principais recaeron en obras situadas na comarca de Valdeorras, destacando a súa contribución á sustentabilidade e integración coa paisaxe.
A obra gañadora na categoría de Mellor Cuberta foi a rehabilitación das edificacións do núcleo rural de Candeda, no Concello de Carballeda de Valdeorras, unha iniciativa que permitiu reconstruír tres vivendas destruídas polo incendio forestal do verán de 2022. Este proxecto, promovido polo propio Concello, foi recoñecido polo seu uso orixinal e sostible da pizarra, así como polo impacto positivo na recuperación do territorio afectado. Veciños de Candeda estiveron presentes no acto para celebrar este recoñecemento.
Na categoría de Mellor Fachada, o premio foi para a nova adega de Virgen del Galir, situada na localidade de Éntoma, no Concello de O Barco de Valdeorras. Este proxecto destacou pola súa integración co entorno e pola modernidade da súa construción, mantendo a esencia da tradición valdeorresa.
Ademais, concedeuse un accésit ao albergue de Sobradelo, tamén no municipio de Carballeda de Valdeorras, como recoñecemento á calidade e ao uso da pizarra neste proxecto.
O presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, subliñou o valor destas iniciativas pola súa capacidade para unir tradición, sustentabilidade e modernidade. Cobo destacou especialmente a importancia do proxecto de Candeda, calificándoo como “un exemplo de resiliencia e respecto polo medio natural”.
Un xurado de prestixio
A elección dos proxectos premiados recaeu nun xurado composto por representantes de colexios profesionais, empresarios da construción e o Clúster da Pizarra. No acto tamén participaron a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, Mari Carmen González, quen destacou o compromiso do seu concello coa recuperación do territorio, e o Director Xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, que puxo en valor o sector da pizarra como motor económico e cultural para Galicia.
Os premios supoñen un importante recoñecemento ao traballo realizado en Valdeorras, consolidando a comarca como un referente no uso innovador e sostible da pizarra, un material clave na identidade arquitectónica de Galicia.