Num: 7696 | Domingo 3 de diciembre de 2023
El tiempo - Tutiempo.net
El tiempo - Tutiempo.net

Os viños de Valdeorras seducen A Coruña

19 adegas da denominación de orixe participan nun 'showroom' no hotel Finisterre da cidade herculina

Cata comentada por Luis Paadín
Cata comentada por Luis Paadín. / DO Valdeorras

“A cidade da Coruña sempre foi e será un mercado prioritario para os nosos viños e hoxe, de novo, traemos un pequeno anaco do noso territorio amparado ata esta urbe co obxectivo de dar a  coñecer os mellores brancos e tintos que producimos en Valdeorras e que están a conquistar todo tipo de padais”. Son palabras do máximo responsable do Consello Regulador da DO Valdeorras,  José Ramón Rodríguez Castellanos, para poñer en valor o acto promocional que a entidade que preside promove este martes no Hotel Finisterre da cidade herculina.

Este evento promocional, no que se poden degustar viños de 19 adegas (case a metade das que conforman o territorio amparado) valdeorresas, consta de diversas actividades orientadas tanto a  prescritores e públicos especializados como a outros de corte máis xeralista. “O obxectivo último é dar a coñecer o noso potencial vitivinícola ao maior número de persoas posible para que saiban  que somos o berce do godello, pero que tamén somos quen de elaborar tintos dunha excelente calidade”, continúa Rodríguez Castellanos.

A axenda de actos desenvolvida no marco deste showroom arrincou onte coa celebración dunha cata, promovida polo equipo do prestixioso sumiller Luis L. Paadín, e dirixida polo director técnico  do Consello Regulador, Jorge Mazaira, que se orientou a un público profesional. Sumilleres, adegueiros, distribuidores, consumidores especializados, xornalistas e bloggers foron algúns dos perfís  que conformaron o grupo de case 30 persoas que participou nesta cata comentada, na que se divulgaron datos técnicos e curiosidades sobre o xeito de elaborar viños nun territorio amparado, o de  Valdeorras, que se caracteriza por contar cunha gran variedade de solos para o cultivo da uva.

Ao longo da xornada de hoxe, os adegueiros desprazados ata a cidade herculina ofreceron unha degustación do mellor das súas colleitas nun acto aberto a todo tipo de público, que xerou unha  gran expectación e afluencia de visitantes. Amais disto, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, desprazouse ata o Hotel Finisterre para coñecer, de primeira man, o bo facer vitivinícola  de Valdeorras, unha visita que o presidente do Consello Regulador quixo agradecer “moi especialmente”.

Xunto a isto, no marco da axenda desenvolvida no Hotel Finisterre un grupo de alumnos do Ciclo Superior de Dirección de Servicios de Hostalaría do CIFP Paseo das Pontes da Coruña recibiron  unha charla introductoria sobre Valdeorras e os seus viños por parte do director técnico do Consello Regulador.

'Showroom' da DO Valdeorras en A Coruña
‘Showroom’ da DO Valdeorras en A Coruña. / DO Valdeorras

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

ACTUALIDAD DIGITAL IBÉRICA
redaccion@elbierzodigital.com | publicidad@elbierzodigital.com | administracion@elbierzodigital.com


© 2023 Actualidad Digital Ibérica. Todos los derechos reservados.